Inicio > Blog > In the Christmas Mood

In the Christmas Mood

24/12/2014

Chega o Nadal e con el a tolemia xeneralizada que nos cega ante a mesura e o control. Embebidos de amor e paz, esquecemos os límites claros que temos o resto do ano e pasámolos co consumo e o despilfarro a tódolos niveis. Que sería de ese caixón onde van hibernar todas esas trangalladas inútiles que nos regalamos mutuamente polo Nadal? Non te atrevas a dicir que ti non tes un. Que sería de ese papel de cores que se estende por tódolos chans dos salóns antes de encheren as papeleiras? E os caldeiros da cociña tampouco se libran, un tsunami de langostinos e ameixas anega toda a Galicia interior e enche de refugallos todo o seu paso. Ah, que crees que esaxero? Sabías que os días de Nadal e Reis en Sogama non se incineran os refugallos? É tal a cantidade de vidro, plásticos e incluso AGASALLOS SEN ABRIR que estragaría o forno, polo que directamente se botan a un vertedoiro. 

Pero retomemos o espíritu orixinal deste post que non era o de facerche sentir o instigador do apocalipse, senón dar unhas pautas para evitar que se nos vaia o choio das mans.

 

Paso un: "O aprovisionamento"
É chegar decembro, ou se me apuras, novembro e botámonos as rúas a mercar, da igual o que sexa, mercamos. Regalos para Xan e Pelallo, roupa nova para saír, e algo de comida coma ....lagostino, cigala, ameixas, capón, ovos, pescada, mero, turrón, polvorón, roscón, melón con xamón.... ben, todos os ón que se te ocorran. 
Non che estou a dicir nada novidoso se che lembro que facer unha lista co que realmente precisamos evitará duplicidades á hora de mercar, e darnos de conta que se non comemos 5 pratos na cea todo o ano, eses días aínda viviremos ben con dous pratos nada máis. Outra cousa que has de que ter en conta son os envases. Sempre que poidas, merca a granel e fresco no canto de produtos precociñados e envasados, así estarás a evitar moreas de plásticos e papeis e ademais poderás levar a cantidade xusta que precisas. Escolle produtos de tempada e de orixe o máis próximo posible.

Paso dous: "O manexo do material"
Sabes o que se comía antes nas casas polo Nadal? O QUE HABÍA NA CASA. Non, non estou a vacilar, o que quero dicir e que os pratos tradicionais de cada zona facíanse cos produtos que se tiñan ao redor. Á hora de pensar que podemos facer de menú moitas veces caemos na tentación de facer cousas exóticas e menús estraños para saír da rutina. Pero temos que cavilar na pegada ecolóxica que xeran todos eses alimentos que veñen de tan lonxe, ou sen ir chegar a cruzar o Atlántico. O consumo masivo de peixes e mariscos provocan ou ben o esgotamento dos bancos máis próximos ou a produción intensiva en piscifactoría, co impacto ecolóxico que supón. Non é cuestión de censurar o consumo de peixe, pero si merece unha pequena reflexión sobre a procedencia do alimento que mercamos ou se existen alternativas mais sustentables.

Despois de todo o procesado e degustación dos manxares, lembra separar ben os refugallos, e se tes a posibilidade composta.

Paso tres: "O reparto de bens"

 A todos nos gusta ver un sorriso na cara dos nosos, invádenos o espírito dentista que todos debemos levar dentro e decidímonos a mercar un agasallo. A maioría das veces acaba por ser una trangalladiña que non mata necesidade ninguna, pero xera unha cantidade de residuos desorbitada. Pensade na procedencia da maioría dos pequenos agasallos que mercamos, o máis probable é que proveña de Asia. Imaxinade o CO2 que se ten que xerar para producilos e transportalos para ao final, rematar no famoso caixón de hibernación. Así que, se lles queres facer un cariño aos teus, tes outras opcións. Podes facer algo na casa, unha marmelada, ou algo cociñado por ti seguro que gusta moito e, de paso, aproveitas a froita antes de se estragar. Outra opción é facer algo de roupa, ou mellor aínda, arranxar algunha peza vella ou darlle outro aire renovado. Podes facer un álbum de fotos, gravar unha recopilación de cancións ou calqueira cousa na que sexas xeitoso. O importante é a intención, é máis, se non queres facer algo fisicamente, ou mesmo senón tes tempo, podes darlle un vale no que especificas o que te comprometes a facer por esa persoa ao longo do ano. Laméntamolo por ti se tes amigos con mudanzas ás portas...

DSC_0835.JPG

Paso catro:"Luces e atrezzo"
Case espírito teatral poderiamos dicir que chega a ser o do Nadal: non nos chegan as luces, nin fotos nin os adornos. Non é preciso renunciar a todo o decorado, so temos que ter un pouco de cabeciña.
Como xa temos claro que comprar unha árbore viva, ou mesmo roubala, non é a mellor das ideas, xa nin o imos mencionar. Así que desenvolveremos o resto do plan contando cunha árbore de plástico. Para as luces será bo ter en conta que no mercado temos unha ampla gama de luces leds de baixo consumo e que incluso podemos atopar algunha que soamente precisa dunha pila. 
Sabes que orixinariamente as arbores adornábanse con laranxas e outras froitas? Hoxe en día, podes aproveitar moitas cousas para faceres ti mesmo, como, por exemplo, bonitas decoracións para a árbore, e senón, aló menos merca unhas que sexan duradeiras e poidas gardar para o ano seguinte.
 

Paso cinco:"Quentando o ambiente"
Facémolo todo o inverno, pero basta que teñamos invitados na casa para que queiramos tela ben calefactada. So é preciso seguir uns pasos básicos. Pola mañá, ventila ben a casa, renovarás o aire por outro mais limpo e axudarás a calefactala mellor. Acende a calefacción ao máximo ata estar a unha temperatura agradábel, logo so tés que baixala a unha posición de mantemento. Así consumirás menos enerxía. Se a túa calefacción é de radiadores móbiles, colócaos o mais próximo ás fontes de aire frío como poden ser as fiestras ou as portas, así crearás unha corrente de aire que percorrerá toda a habitación de xeito mais homoxéneo. Se tes a sorte de ter unha cociña de leña xa non precisarás mais ca dunha fonte de enerxía para cociñar e caldear a estancia. Pero de tódolos xeitos, se agardas moitos invitados, lembra que non precisas apenas calefacción, os seres humanos somos unha fonte de calor que, de media, aportamos uns 100w/m2 polo que unhas 10 persoas son capaces de quentar un salón sen mais axuda. Dende logo, non hai nada coma a calor humana. 

angeles_agueda.jpg

E con toda esta leria dende ACIDE queremos desexarte un bo Nadal e un Feliz Aninovo. Agardamos poder compartilo contigo como ata agora.